30/6/09

OUTRO XEITO DE PASAR AS VACACIÓNS

Se hai algunha boa nova tradicional por estas datas, esta é a das tan ansiadas VACACIÓNS !!! Certo que non para todos serán iguais : algúns faredes unha "fuxida" máis ou menos longa, para cambiar de aires, case todos seguiredes a rota das típicas festas de verán, sen esquecer o estudo (eses "flecos" de setembro, atención a eles !) e tamén hai quen quedará na súa casa. Isto último é moito máis frecuente do que se cre ( e máis en tempos de crise). Non por iso hai que se amargar: o que importa é que sexamos quen de entender as vacacións ( na medida en que sexamos capaces) coma un tempo de cambio de actividades, que debería ser enriquecedor para nós. Por iso amosámovos uns exemplos de "vacacións alternativas" que están comezando a coller pulo nestes últimos anos.
Referímonos a xente que "emprega" o seu tempo de lecer anual en viaxar a lonxanos países, no marco de diversas ONGs, para "botar unha man " ( e as dúas) en axudar a seres humanos que pertencen a ese chamado "3º mundo", e que teñen unhas carencias elementais en nutrición, sanidade, educación, vivenda etc: si, coma eses personaxes que vistes en películas como "El jardinero fiel" o "La ciudad de la alegría" ou como os que vemos nos telediarios dun xeito rutinario. Estes voluntarios axudan en tarefas tan diversas coma limpeza de letrinas, alfabetización de nenos e maiores, construción de casa prefabricadas, axuda de enfermeiría e medicina etc. etc. Todos eles son maiores de idade e soen contar cun cursiño preparatorio que fan no mes de maio ou xuño. A meirande parte soen contar, á volta, que a experiencia foi moi gratificante, que recibiron máis que o que eles deron, e, os máis deles, repiten. A verdade é que non deixa de chamar a atención esta paixón que amosan estas persoas cara esta actividade tan particular...
En internet tedes moitísimos enderezos de ONGs, explicando as súas condicións, prioridades etc.
Lembrade que no noso IES levouse a cabo un mercadiño solidario polo Nadal que patrocinaba a ONG "solidariedade internacional", con moi bos resultados.
En fin, certamente, é unha boa nova que haxa xente que non só pense, senon que tamén leve á práctica ese famoso dito clásico "son home, e nada do humano éme alleo" O mundo, de seguro, será un pouco mellor.