31/7/10

BOAS NOVAS, REMATE DE CURSO 2009-10


Ola a tod@s!. Chegamos ás vacacións e, se botamos a vista atrás, lembramos o moito que custa, tantas veces, (@s alumn@s sábeno ben) encher esta sección de “Boas Novas”. Éxitos deportivos aparte, agora mesmo nos noticiarios , só podemos ver as graves consecuencias socioeconómicas da crise , atentados contra a natureza e seres humanos en distintos puntos do planeta, accidentes de tráfico, personaxes indignos que venden a súa intimidade por cartos e un longuísimo etcétera do máis desalentador. É que só é considerado noticiable o malo e morboso porque “vende máis” ?. Algo disto hai…
Sen embargo cómpre alertar contra dúas opcións perigosas que podemos adoptar, que veñen sendo as dúas caras da mesma moeda:
--a incoherencia, entre o que supostamente defendemos e o noso comportamento na vida diaria: non podemos dicir que somos pacifistas e comportarnos habitualmente na clase, na casa, ou cos amigos dun xeito ameazante e provocador.
--"o pasotismo": xa que non somos os presidentes de países importantes nin do F.M.I. , “pasamos” porque consideramos que non somos quen de arranxar nada, esquecéndonos das inxustizas que non vemos ou non queremos ver todos os días, no noso entorno, e que poderíamos axudar a remediar. E aquí onde entra a "teoría dos puntos". En xeometría estudamos que varios puntos forman unha liña. Pois ben, entendamos dunha vez que nós somos eses diminutos e minúsculos puntos que podemos formar a liña dun mundo máis xusto e solidario. Non son palabras bonitas, son verdadeiras. Non hai ningunha ponte, casa ou catedral que comezase sen a primeira pedra, ningún camiño que se trazase sen un primeiro camiñante. Se nos detemos un intre en mirar ao noso arredor, atoparemos bastantes cousas que podemos amañar. Eso si, perdendo o medo, e vencendo a preguiza, e a inercia. Si, definitivamente somos quen de ser construtores de Boas Novas !!
FELIZ VERÁN !!